Monday 29 de April de 2024

Neda cancela pola previsión de mal tempo a “Senda das Ánimas” e organiza unha festa infantil de samaín


Esta nova actividade para os nenos e nenas e máis o tradicional magosto desenvolveranse finalmente no patio interior do CEIP San Isidro

Ante as previsións de mal tempo, o Concello de Neda vese na obriga de reformular a súa programación do Samaín e Magosto 2023. Cancela a Senda das Ánimas pola rúa Real, prevista para este sábado, e, no seu lugar, aposta pola celebración dunha festa infantil no patio interior do CEIP San Isidro, espazo onde se concentrarán ademais o resto das actividades da xornada.

A imposibilidade de realizar en condicións tanto para o público como para os actores/actrices encargados de “animar” este percorrido cheo de historias terroríficas e de sustos, o Concello vén de acordar a suspensión da Senda das Ánimas. Unha decisión difícil por canto era a actividade estrela da programación e había un récord de persoas inscritas. Nada menos que 600.

No seu lugar, o Concello deseña unha festa infantil na que ademais do cantabaila de La Guagua Animación, haberá unha morea de obradoiros (decoración de cabazas, maquillaxes terroríficos…) para que os máis pequenos e pequenas desfruten desta festa tradicional. A cita, que incluirá o desfile de disfraces e cabazas, inicialmente prevista nos Subarreiros, desenvolverase entre as 18 e as 20 horas.

A partir dese momento, comezará o tradicional magosto. Será tempo para degustar as típicas castañas asadas e tamén os boliños preñados, e todo ao son da música da Charanga da Carmiña.
Iniciativa nas redes sociais municipais

Por último, e no marco da celebración do Samaín, o Concello convida aos veciños e veciñas que decoran por estas datas as fachadas das súas vivendas a enviar antes do 3 de novembro ao correo electrónico cultura@neda.gal (xunto coa autorización para utilizalas) imaxes das súas terroríficas decoracións para compartilas a través das redes sociais municipais.